Saturday 18 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño distribúe máis de 25.000 euros en axudas para entidades culturais e deportivas


Trátase da convocatoria anual de subvencións en concorrencia competitiva

As entidades teñen até o 30 de novembro para presentar as xustificacións dos gastos efectuados, con posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que nesa data aínda non teñan finalizado o programa de actividades subvencionadas

O Concello de San Sadurniño notificoulles hoxe mesmo ás entidades socioculturais e deportivas do territorio a resolución coa distribución das subvencións municipais da convocatoria deste ano, que supón un montante total de 25.495,56 euros. A ela concorreron seis colectivos veciñais e culturais e outros cinco de tipo deportivo, que percibirán as contías correspondentes segundo as fórmulas de valoración das solicitudes establecidas nas bases de cada liña. Unha vez comunicado oficialmente o importe das axudas concedidas, as asociacións e clubes terán de prazo até o próximo 30 de novembro para achegaren a documentación xustificativa.

Malia que as xustificacións teñen que presentarse ao longo do mes que entra, cabe a posibilidade de solicitarlle ao Concello a ampliación do prazo nun máximo de 50 días máis por causas debidamente xustificadas -que o Concello debe aceptar- naqueles casos en que aínda falten actividades ou investimentos por facer, como poden ser os relativos a programacións de Nadal ou doutro tipo.

A xustificación debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados (e TCs se se contratou persoal) e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude da convocatoria.

Se se conta con outras axudas ademais da municipal -doutras administracións ou entidades privadas-, o importe para xustificar sairá de sumar todas as cantidades, incluída a subvención municipal, máis o 20% da axuda asignada nesta convocatoria. Cómpre ter moi presente que o importe conxunto de todas as subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o dos gastos efectuados.

Nin en Cultura nin en Deportes se admitirán facturas referidas a gastos de comida. Porén, os colectivos veciñais e culturais si que poderán xustificar ata o 25% do orzamento total admitido con gastos relacionados coa compra de materiais necesarios para as actividades que organicen. Os clubes poden achegar como xustificantes tanto os correspondentes á súa participación en campionatos deportivos como os de funcionamento.

Tamén se deberá achegar toda a documentación impresa xerada -carteis, anuncios en prensa ou en redes sociais…- que acredite a participación municipal no financiamento das actividades. Os modelos de xustificación poden descargarse das ligazóns que hai ao pé desta información.

Para a convocatoria en concorrencia competitiva de Cultura botaron solicitude catro asociacións veciñais e culturais e dúas Anpas. Unha delas foi rexeitada por presentarse fóra de prazo, mentres que para as demais consignáronse 13.500 euros con contías distribuídas segundo as fórmulas e criterios estipulados nas bases e de acordo cos orzamentos subvencionables presentados, sen superar en ningún caso o límite de 4.000 euros de axuda. Ademais, ás entidades con local en propiedade ou alugado outorgáronselles 1.000 euros fixos máis, que tamén deberán xustificar, para melloras de equipamento ou infraestrutura.

Para a convocatoria de Deportes recibíronse cinco solicitudes, todas elas admitidas, entre as que se distribuirán 12.000 euros primando aquelas disciplinas olímpicas cun maior número de fichas federativas.